Adopta a tua mascota de balde
eueoseeuu: Acampada en San Vicente do Mar

eueoseeuu

Estou de paso nos EEUU e quero reflexalo nalgures.

Friday, July 01, 2005

Acampada en San Vicente do Mar

Martes 21 aproveitamos que facía calor e collemos os bártulos para ir de acampada.
Chamamos por teléfono e decidimos ir ó camping Espiño en San Vicente do Mar.
Chegamos sen problemas a esa parte de Galicia que eu aínda non coñecía e gustounos.
Despóis de montar a tenda fomos á praia xusto en frente do camping que é a praia Seixeliños; praia típica en forma de cuncha con algas e rochas e unha auga que corta. Había unha cadela e Colín xa se enamorou e tivemos que atalo todo o día.

Mércores 22 fomos ata o porto de Pedras Negras e topamos un paseo de madeira dende a praia da Barrosa pasando por unha zona militar( onde acaba o paseo e aparece un camiño de pescadores entre as rochas) e vai dar á praia de Aguieira.
Estivemos cunha parella inglesa que flipaban cun esquío enriba dunha rocha na beira do mar.
Voltamos á praia da Buraca da Londra e facía unha calor infernal. Xantamos pouco e caro nun chiringo da praia Farruco e fomos ó Grove que na praia morría un mesmo debaixo da sombrilla.
Xa empezaba o serán cando volvemos á praia Seixeliños ata que marchou o sol.

Xoves 23 Á mañá seguimos facendo a rota onde a deixamos o día anterior. Xa o día estaba bo para andar que estaba anubado. Fomos dende a praia Castiñeira, que é nudista, ata as casas de Coupríns. Logo fomos xantar ó Grove e xa foi máis barato e de máis calidade no bar Barrantes.
Tomamos café no bar Corgo onde hai apegado un restaurante cunha grella en forma de hórreo que lle fixen unha foto pero que non podo subir aquí na biblio.
Á tarde fomos á praia Buraca da Londra pero estivo ben fresca a tarde que non nos bañamos e aproveitei para ler bastante da Balada del abuelo Palancas de Félix Grande que escribe prosa mui poética e rebuscada.
Á noite buscamos fogueiras de San Xoán pero só topamos unha fogueira de veciños perto da praia Barrosa. A Ana entroulle a cobiza e fixemos no camping unha fogueiriña con dúas piñas ben achantada que está proibido facer fogueiras no camping.
Seica en Mos e outros sitios foi unha noite vandálica con queima de contedores de vasura e outros estragos ( en Mondariz tiraron pedras dunha ponte antiga ).
Cando eu era máis novo iamos roubar carros e cancelas de casas que antes era na noite de San Pedro pero que pasou á de San Xoán pola proximidade de datas.
Os costumes cambian segundo parece.

Venres 24. Tocou recollida que xa non facía tempo de praia. Despedímonos do camping tipo familiar con percebeiros e percebeiras que veñen almorzar antes de buscar os catro quilos permitidos pola Xunta.
Fomos ata a praia de Carreiro que ten unha escola de mergullo e uns restos arqueolóxicos dun cemiterio romano bastante tardío.
Seguimos por esas praias solitarias ata a lagoa A Bodeira que é pouco máis que unha charca. Collín caramuxos para cear e metinos nunha botella plástica de auga. Fixen fotos dun esquío que tiña a catro pasos de min que non fuxía. Logo si e púxose a tremer entre unhas rochas mentres me miraba de esguello e deixeino por mágoa.
Fomos xantar á illa de Arousa e fomos pola vía de alta velocidade e agora xa é outra cousa iso comparado con antes e as caravanas de coches que se facían.
Paramos na oficina de información turística e recomendaron o porto de Xufre para tapear. Xantamos pulpo e empanada deliciosos no bar Risón a uns prezos bos e calidade excelente e trato amable e rápido. Non sei os outros bares da zona pero supoño que serán unha cousa parecida.
Eu chámolle illa dos Dioses á illa de Arousa pola cantidade de xente apelidada Dios e polas rapazas que son ben xeitosas. Os homes xa son un chisco brutáns levando motores de barca ó lombo. Esta illa é mítica para min porque estivo illada ata ben pouco e sempre foron mui indepentes e mesmo nunha república (I ou II non sei), o concello declarouse independiente para protestar polo desleixo do goberno co eles e duraron independentes uns días ata que desembarcou unha dotación militar e fusilou os concellais e o alcalde .
Logo fomos ata o faro andando para facer a dixestión e Colín asustouse cunhas avestruces que hai alí nunha finca á beira do faro e logo á praia de Area da Secada que se conserva case virxe con só un chiringo e un paseo de madeira que vai ata o centro de estudios acuícolas que hai nunhas rochas.
Retirámonos cando facía fresco na praia e volvemos para o Porriño.

0 Comments:

Post a Comment

<< Home